Sunday 05 de May de 2024

Cariño dá luz verde á licitación do contrato para renovar toda a súa iluminación pública a LED, valorado en 800.000 euros


Será o primeiro municipio da provincia en transformar toda a súa iluminación pública a LED sen a intermediación de empresas privadas.

O Concello de Cariño celebrou onte un pleno ordinario no que, por unanimidade, deu luz verde ao proceso de licitación do contrato para renovar a tecnoloxía LED toda a iluminación pública do municipio.
A actuación, que entrará a licitación a próxima semana e que conta cun orzamento de 802.821,21 euros, supón un ambicioso proxecto de mellora da iluminación pública no municipio: modernizarase o sistema, cambiaranse os puntos de luz e lograrase un significativo aforro.
A través deste proxecto cambiaranse a LED 1.546 luminarias e 23 cadros de mando. A renovación dos cadros por outros máis modernos que contan con sistemas de control remoto permitirá acender, apagar ou regular a intensidade de cada unha das luminarias en calquera momento e sen ter que acceder fisicamente ao sistema, simplemente a través dun teléfono móbil.
Para financiar estes traballos o Concello recibiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía ( IDAE). A través dos fondos FEDER da Unión Europea achegará 642.256’97 euros, o oitenta por cento, sendo os outros 160.564,24 euros achegados desde as arcas municipais.
A administración local continúa sendo pioneira no que a aforro enerxético e redución de contaminación lumínica refírese. Tras ser o primeiro municipio da provincia da Coruña en dotar de pantallas LED o campo de fútbol agora será o primeiro en transformar toda a iluminación pública a tecnoloxía LED a través dun contrato exclusivamente público sen a intermediación de entidades privadas. Ademais,
o contrato publicarase no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea) polo que poderá ser adxudicatario calquera empresa da comunidade europea.
Así, completarase a renovación da iluminación pública no municipio, un plan que xa iniciou o goberno local a través doutras actuacións como a renovación de luminarias en Feás, Figueiroa e Sismundi.

Eficiencia enerxética e aforro
O Concello quere modernizar o sistema promovendo a eficiencia enerxética e o aforro. As novas luminarias e a modernización dos cadros de mando permitirán reducir o consumo eléctrico, conseguir unha maior durabilidade da instalación, baixar a emisión de CO2 á atmosfera en 180 TN por ano e responder dunha forma máis rápida e eficaz #ante calquera incidencia.
O aforro económico será cuantioso, xa que dos aproximadamente 100.000 euros que se gastan agora anualmente na iluminación pública estímase que se aforrarán 65.000 euros, pasando así a gastar un total de 35.000 euros ao ano. Isto é así porque, debido ás características do LED, ao baixar a potencia das lámpadas pódese optar a potencias contratadas menores.
En canto ao consumo, pasarase de gastar 678.00 KW/ h a 326.000 KW/ h coa nova instalación. Por tanto, reducirase preto dun 50% o consumo e ademais gañarase en visibilidade debido á maior potencia lumínica das lámpadas tipo LED.
O alcalde, José Miguel Alonso Pumar, destacou as vantaxes desta actuación xa que “o aforro que conleva permitirá amortizar en 3 anos o achegado polas arcas municipais. A partir de aí, cada exercicio haberá un aforro importante con respecto á situación actual que permitirá investir ese diñeiro en máis servizos para os veciños”.
Ademais, quixo resaltar que “isto é un claro exemplo de que fóra das grandes urbes pódese cumprir cos compromisos da Unión Europea co planeta”.
Outros asuntos
Ademais, na sesión abordáronse outros asuntos, como a adhesión do Concello á central de contratación da FEMP ou a aprobación de días inhábiles locais para o ano 2021, que serán o 16 de xullo (Día do Carmen) e o 24 de agosto (San Bartolomé, patrón de Cariño).